miércoles, 6 de mayo de 2015

TRABALLO DE CAMPO-VISITAMOS A PLANTA POTABILIZADORA E A DEPURADORA

Onte martes 5 de maio tocaba "baixar á area" e facer in situ todas esas medidas biolóxicas e físico-química que nos axudarán a determinar se a calidade das augas do río é aceptable ou non...
Empezamos a viaxe ao rematar as clases da tarde e alá nos fomos todos ata o río aceiteiro, o punto de captación das augas que chegarán finalmente ás casas de San Sadurniño.







Alí distribuímos traballo e as rapazas puxéronse mans á obra.

Ás veces, tomar as mostras para analizar invertebrados nos é tarefa sinxela...¿non si Tania?


Por outra banda, Belén tomou a medida do pH e a temperatura, parámetros importantes para validar os resultados das análises.
O pH baixou un pouquiño de 7 e a temperatura situouse sobre os 15ºC.





A turbidez, medida de xeito moi rudimentario cun disco de Secchi, confirmaba que era unha auga bastante clara.


Diana preparou o material para medir in situ a concentración de osíxeno mediante unha variación do método Winkler.
O primeiro, tomar a mostra no río, enxuagando ben e despois enchendo o frasco ata os topes, procurando que non queden burbullas de aire.



Para empezar despois a bateria de reaccións en cadea. O sulfato manganoso e o ioduro alcalino, xunto coa adición de ácido sulfúrico farán que fixemos o osíxeno disolto en forma de oxi-hidróxido de manganeso e liberemos iodo. ¿Non vos recorda esa cor a algo? (buscade no botiquín...)







Co osíxeno xa fixado, tomamos alícuotas de 5 mL para levar a cabo dúas análises...
Esta parte consiste simplemente nunha valoración redox empregando amidón como sustancia indicadora. Cando metemos o amidón vemos esa cor tan característica azul. Engadindo o tiosulfato de sodio reducimos o iodo e ioduro e cando rematemos esa cor azul esvaecerase de súpeto. 




A reproducibilidade da medición foi boa. Na primeira vez o resultado foi de 8mg/L e na segunda de 9mg/L, o cal indica que son unhas augas magníficas para a vida acuática.
Tendo en conta a temperatura da auga duns 15ºC e a presión atmosférica arredor de 770 mmHg, a cantidade máxima que se pode disolver de osíxeno en auga nesas condicións sitúase sobre os 10,3 mg/L, o cal se eliximos como valro representativo a media (8,5 mg/l) supón un 8,5/10,3 x 100 = 82,5% de saturación, o cal lle da á auga unha calidade AXEITADA.

Despois proseguimos coas medidas de nitratos, nitritos, amonio, fosfatos e dureza. O cal comparamos co kit cualitativo que levábamos de man...


Levábamos xa unha hora e media medindo e o tempo botábase enriba...tiramos para a potabilizadora. Unhas bombas elevan a auga desde o punto de captación ata ela. Alí, nestas instalacións:



Faise un tratamento físico-químico moi simple. Trátase con hipoclorito de sodio e cloro activo para finalmente filtrar a auga a través de area...e lista para ser consumida. Realmente a calidade da auga de orixe xa é bastante boa e pouco tratamento precisa...
Aquí temos ao grupo vendo o proceso e disfrutando das vistas da bisbarra desde este estratéxico punto situado na Agra de arriba, a uns 120 m de altura...(a captación de auga está a uns 60 m de altura)

Eran máis das sete e media da tarde e tiñamos o tempo xusto para visitar a outra parte da historia: as augas que saen das casas de San Sadurniño ¿Que se fai con elas? ¿A onde van parar?
Pois temos unha estación depuradora de augas residuais (EDAR) á saída do pobo. Alí explicamos un pouco do funcionamento da planta, a filtración, a aireación, a depuración mediante bacterias aerobias e a devolución ao río da auga tratada, que é a que máis nos interesaba, porque queríamos determinarlle algúns parámetros fisico-químocos e sacar conclusións...







Era moi tarde e non non daba tempo a medir in situ. Tomamos mostras en frascos axeitados para medir ao día seguinte no laboratorio



Rematou así a xornada vespertina de traballo experimental que nos levou a percorrer as zonas que podedes atopar no seguinte mapa da zona.


Foi un día interesante que lles permitiu ao noso de grupo de osadas rapazas familiarizarse cos kits de medición e levar o traballo científico a onde xurde a necesidade de empregalo.